Ao longo do verán os membros de Néboa van xuntando moitas fotos de todo tipo de animais, especialmente paxaros e outras aves, fotos que compartimos cando retomamos as actividades na asociación no mes de setembro. Dese baleirado de cámaras, sobre todo da cámara do noso compañeiro Simón que é sempre unha fonte de marabillosas sorpresas, saen as fotos que hoxe publicamos, a maioría delas recollidas nas inmediacións do río Eume ao seu paso por Vilarbó, a Faeira ou Ribadeume, pero algunhas tamén no Forgoselo. Da morea de fotos que xuntamos escollimos só algunhas para poñer aquí , nelas podedes observar o ferreiriño cristado coa súa característica crista na cabeza, que avistamos con frecuencia na área natural de Vilarbó (As Pontes) pero poucas veces afotamos tan de preto; podedes ver tamén o precioso piquelo azul, que tamén se deixa ver habitualmente baixando polo tronco das árbores que rodean as instalacións da área natural de Vilarbó, doado de recoñecer polo seu tamño. a cor azul do seu lombo ou a liña negra que lle atravesa o ollo; vai tamén unha foto dun peto real, ave á que escoitamos con frecuencia petar nos troncos das árbores para buscar o seu alimento ou facer os seus niños pero que poucas veces se deixa ver en Vilarbó e menos ainda afotar; incluimos tamén a foto dunha avenoiteira que puido afotar Simón unha noite que conducía e parou o coche para non atropellala, temos visto moitas pousadas nas estradas aproveitando a caloriña que desprende o asfalto despois dun día de verán pero nunca tivéramos a sorte de poder afotar unha; no Forgoselo o noso compañeiro Simón puido afotar un fermoso pedreiro cincento, unha pequena rareza que se deixa ver en Galicia no verán e tamén nos pasos prenupciais de marzo a maio e posnupcial de setembro a outubro.
Como agasallo unha foto de cervos na zona do Eume, animais que estamos acostumados a ver pero que poucas veces podemos afotar e menos ainda en grupo como nesta ocasión.
Un placer poder compartir na asociación os avistamentos e coñecementos de cada un dos socios que forman a agrupación Andoriña de observación de aves, e poder compartir con vós un pedaciño do noso traballo. Moitas gracias a Simón, que é sen dúbida o membro máis activo da agrupación e que xenerosamente comparte con nós os seus avistamentos.